Feiraco suma ao público adulto ao seu Certame de Microrrelatos polo Día das Letras Galegas

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

A nova edición do certame foi presentada este martes na libraría Follas Novas de Santiago coa participación de representantes de Clun, o secretario xeral de Política Lingüística, o fundador da libraría e a comunicadora Esther Estévez
A nova edición do certame foi presentada este martes na libraría Follas Novas de Santiago coa participación de representantes de Clun, o secretario xeral de Política Lingüística, o fundador da libraría e a comunicadora Esther Estévez ALBA FURELOS

A inciativa conta tamén coa campaña «Leiteratura», que anima a maridar leite e literatura

30 abr 2024 . Actualizado a las 17:12 h.

A duodécima edición do Certame de Microrrelatos Feiraco para festexar o Día das Letras Galegas incorpora como novidade unha categoría de adultos, que se une á destinada a rapazada e mocidade. Deste xeito, haberá unha sección para persoas maiores de 18 anos e outra xuvenil, de 12 a 18 anos.

As condicións para participar é que os relatos sexan orixinais, estean escritos en galego e teñan un máximo de 500 palabras. A temática é libre, pero a única condición é de que a historia comece coa frase «Púxenme a escoitar...», tal e como empeza un verso de Luísa Villalta, a homenaxeada este ano polo Día das Letras.

A iniciativa, que foi presentada este martes na libraría Follas Novas de Santiago, tamén se lle une a campaña Leiteratura, coa que fan un chamamento a practicar a lectura e a tomar leite, «unindo todo o bo do leite e a literatura», apuntou Jessica Rey, directora do departamento de Marketing e Comunicación de Clun. Nese sentido, engadiu os dous elementos maridan moi ben, «xa que ambos se dan en Galicia da mellor forma e ambos alimentan, un o corpo e outro a imaxinación, o coñecemento e a nosa mente». O director xeral de Clun, Juan Gallástegui, incidiu na aposta que fan pola cultura. «No medio rural e no patrimonio cultural temos moito en común, xa que hai inxerencias, hai dificultades, pero hai moita esperanza», afirmou.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou o feito de que as empresas se impliquen na actividade cultural. «Axudades a facer grandes as Letras Galegas. Son iniciativas que fan país, que constrúen a lingua», afirmou durante un acto presentado pola comunicadora Esther Estévez, que é a madriña desta iniciativa por segundo ano. Tamén interveu o fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva, que lembrou eses inicios hai 60 anos e o obxectivo que se marcaron de que «o libro sempre estivese á man».

En canto ao concurso, as persoas participantes na categoría de adultos deberán subir os seus escritos en formato PDF á web https://leiteratura.feiraco.es/. O prazo remata o 18 de maio. No caso da categoría xuvenil, será o profesorado de cada centro educativo galego quen seleccionará o mellor relato presentado polo alumnado e o subirá ao mesmo sitio web.

Un xurado conformado por persoal de Feiraco e da Secretaría Xeral da Lingua seleccionará os tres relatos premiados de cada categoría de acordo a tres criterios: orixinalidade e creatividade da historia, coidada redacción e uso correcto da lingua galega. Todas as persoas premiadas levarán un lote de produtos Feiraco. A maiores, o primeiro premio sumará un ano de libros en galego e un agasallo especial: unha vaca suxeitalibros feita por un artesán galego en madeira de bidueiro; o segundo premio levará un ano de libros en galego; e o terceiro premio incluirá unha selección de libros de Luísa Villalta.