Sitúan en 1786 a primeira muiñeira con notación musical

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Gravado que Mariano Ovejero realizou sobre o cadro do pintor Dionisio Fierros Álvarez (1827-1894) titulado «La Muñeira, baile gallego» (1858).
Gravado que Mariano Ovejero realizou sobre o cadro do pintor Dionisio Fierros Álvarez (1827-1894) titulado «La Muñeira, baile gallego» (1858). USC

Unha investigación constata que desde o século XVII circulaba pola Península un baile coñecido como «gaita gallega», que sería o antecedente directo

30 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A muiñeira, danza tradicional galega e a composición musical que a acompaña, alcanzou no século XIX a condición de «elemento identitario» que reforzou o rexurdir político e cultural de Galicia naquela época, segundo concluíu Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que sustentan a súa tese, Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (séculos XVII-XIX). Alonso, que comezou a traballar no aspecto máis humano e social da música da man do antropólogo Marcial Gondar, rematou o seu traballo baixo a dirección da tamén antropóloga Nieves Herrero. Nas pescudas confirmou que a evolución política do provincialismo e do rexionalismo, como antecedentes do nacionalismo no século XIX, levou a unha busca de aspectos que conformasen a identidade galega e á formación dun canon da música que se basea «nunha escolla, na recuperación da música tradicional, folclórica». É nese momento cando a muiñeira pasa a ser considerada como un símbolo de Galicia.

O seu antecedente directo, relata, era un baile chamado gaita gallega, que non se interpretaba necesariamente co instrumento que lle dá nome, e que «desde o século XVII circulaba pola Península». Alonso lembra que no XVII son coñecidas e interpretadas «pezas populares coma as jácaras, as chaconas ou os canarios» e é a partir de aí cando os bailes cortesáns incorporan danzas populares coma esas, no caso de Galicia as chamadas gaitas, que aparecen nos libros de composicións para guitarra, «o instrumento máis popular» e que se tocaba «mesmo nas barberías».

Íñigo Sánchez-Fuarros, Xosé Manuel Núñez Seixas, Fátima Braña Rey, Julio Alonso Monteagudo e Nieves Herrero Pérez, na defensa da tese de Alonso.
Íñigo Sánchez-Fuarros, Xosé Manuel Núñez Seixas, Fátima Braña Rey, Julio Alonso Monteagudo e Nieves Herrero Pérez, na defensa da tese de Alonso. USC

A súa popularidade fai que se incorpore tamén ás pezas teatrais, de xeito que «cando saía o personaxe galego soaba a gaita, interpretada con guitarra» e o público sabía que estaba a ver alguén de orixe galega, «frecuentemente un personaxe cómico, que cando sae á escena crea confusión». No ámbito relixioso a gaita galega «entra nas panxoliñas, un xénero que non era só para o Nadal, tamén para as festas», aínda que neste caso o carácter cambia: «O personaxe galego pasa a ser honesto e honrado, por exemplo, un pastor humilde, traballador e esforzado».

A referencia máis antiga á muiñeira aparece «nun texto de 1745 de frei Martín Sarmiento», que compara os seus movementos cos das galiñas e os galos, especialmente «os saltos que fan os galos»; a primeira destas composicións que Alonso atopou con notación musical está datada no Nadal de 1786 e asínaa «o mestre de capela da catedral compostelá Melchor López», que actúa así de mediador para incorporala á música culta.

A partir da publicación da Historia de Galicia de José Verea e Aguiar en 1838 xorde «o discurso que consolida a muiñeira como paradigma e referente identitario para Galicia», incide Alonso. Mesmo Manuel Murguía na súa Historia de Galicia publicará as primeiras transcricións con notación musical de música popular galega, que lle enviou o tamén escritor estradense Marcial Valladares Núñez, quen contaba cunha ampla formación musical.