Mirando o móbil

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

19 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lía esta semana que seis de cada dez persoas en España teñen sufrido algún problema de saúde mental nos últimos tres anos, e que a porcentaxe máis alta está entre as persoas de entre 18 e 36 anos. Tamén escoitaba un pódcast no que o psicólogo social Jonathan Haidt falaba do aumento da ansiedade e da depresión entre a xuventude norteamericana. Haidt, profesor e investigador da Universidade de Nova York que vén de publicar o libro The Anxious Generation: How the Great Rewiring of Chilhood is Causing an Epidemic of Mental Illness (algo así como «A xeración ansiosa: como a gran reconfiguración da infancia está a provocar unha epidemia de enfermidades mentais»), relaciona ese aumento co uso das redes sociais, e, segundo os seus estudios, as rapazas de entre dez e catorce anos son as que máis o están a sufrir, triplicando a taxa anterior.

Hai moitas teorías sobre a relación entre a saúde mental e as redes sociais, mais, como dicía Haidt, parte do problema tamén é que «nunca estamos completamente presentes no mundo físico», pois estamos «parcialmente en liña». Pero hai días nos que aínda que unha saiba que ten que desconectar por completo desoutro mundo paralelo, un pulo invisible fai que cada pouco tempo decidamos coller o móbil para nada máis que ver que pasou nos últimos cinco minutos. E entón, sen querer, entramos nesoutra espiral na que nos deixamos levar polo que as redes queren de nós, e non polo que nós queremos das redes, e sen decatarnos rematamos como non queriamos: mirando o móbil durante o solpor, mirando o móbil cando estamos cos que queremos, mirando o móbil cando lemos un libro... E mirando o móbil vai pasando a vida, dentro e arredor de nós.